18/3/24

Unha chea de historias con Uxía Morán

" Maruxa cosía, varría e labraba. Benito cantaba, folgaba e durmía. Mais un día..." "Maruxa" - Eva Mejuto

Actriz de teatro e cine, presentadora en galas benéficas e festivais e contacontos, entre outras moitísimas facetas profesionais, Uxía Morán trouxo ata o noso cole unha escolma de fermosísimas historias, tales como “Guapa”, “Maruxa” ou “Ricitos de oso”, entre outras,    nas que  os distintos personaxes, falando sempre en clave de humor, loitan  contra as convencións sociais e os xéneros establecidos.

Todo o alumnado de Educación Infantil e de primeiro e segundo de Educación Primaria puido gozar co bo facer e coa posta en escena  de Uxía, traballando sobre a igualdade, o respecto ás demais persoas, a autoestima e outros moitos valores moi presentes no noso quefacer diario dentro e fóra da escola.

Unha mañá, sen dúbida, chea de aprendizaxes moi significativos e relevantes dentro do amplo currículo que o noso cole transmite ao seu alumnado.

17/3/24

Arrancan os proxectos de ciencia!

 "Mira profundamente na natureza e entón comprenderás todo mellor." Albert Einstein, matemático e físico alemán

Englobado no seu proxecto  "Gota a gota, a auga", o noso alumnado de Primeiro de Educación Primaria comezaron as súas experiencias con sementes. Irán comprobando, empregando o procedemento científico, a importancia que a auga ten  para todos os seres vivos. Plantaron distintas sementes en algodón e en terra. Irán observando a súa evolución completando unha táboa de recollida de datos. 

Aprendizaxes significativos baseados na experiencia propia e a observación directa. Seguro que deste xeito afianzan competencias básicas no ambito das ciencias naturais.







14/3/24

Imos á feira!

“Un pobo sen tradición é un pobo sen porvir.” Alberto Lleras Camargo xornalista e estadista colombiano

Dentro do seu proxecto relacionado co estudo das tradicións e o coñecemento do máis próximo, o noso alumnado de catro anos visitou hoxe, 14 de marzo, unha das feiras mensuais que temos na nosa vila.

Alí coñeceron de primeira man todo tipo de postos de venda, levantando entre os visitantes unha gran expectación, recollida nos medios de comunicación local. https://www.facebook.com/share/VTfWcYkLEm2U3rys/

Para rematar esta xornada tan especial, mercaron churros e cun riquísimo chocolate "merendaron" no Parque do Toural, onde despois pasaron un moi bo rato, "enredando" con todos os brinquedos que alí hai....

Unha mañá distinta aprendendo no propio entorno, próximo e familiar!

Que rico e que ben pinta este chocolate!!!

 "A nove de cada dez persoas gústalles o chocolate. A décima persoa sempre minte." John Q. Tulio

Hoxe, o noso alumnado de tres anos tivo unha "merenda" moi especial... que resultou ser todo un éxito. Aproveitaron a celebración da feira en Xinzo pra facerse cunha moi boa provisión de churros e as profes tamén trouxeron froita para facer unha mistura deliciosa cun riquísimo chocolate.

Pero non podían desaproveitar ese recurso para manifestar as súas dotes artísticas con ese "preciado material". Podedes comprobar todo o que fixeron... e seguró que os seus mandilóns tamén foron boa proba diso!

Foi unha mañá chea de aprendizaxes e diversión... seguro que repiten!!!

13/3/24

El monstruo de colores

 «Se deixas saír os teus medos terás máis espazo para vivir os teus soños». Marilyn Monroe, actriz estadounidense.

O Monstruo de Cores non sabe que lle pasa. Fíxose unha lea coas emocións e agora tócalle desfacer o envurullo. Unha historia sinxela e divertida, que introducirá a pequenos e a maiores na fascinante linguaxe das emocións. http://www.annallenas.com/ilustracion-editorial/el-monstruo-de-colores.html

Que difícil é saber ás veces como te sintes.... Este fermoso conto que nos trouxeron ata a nosa Biblioteca Escolar Fiorella e Rosa, pode axudarnos moito a entender como son as emocións e como podemos manexalas.

Moitas grazas ás dúas. Xa es unha #PisaCharcas máis do noso cole!!!

12/3/24

Hugo: Empatía, diversidade, a beleza de sermos diferentes.

"A inclusión non é só un termo, é un compromiso diario de aceptación e respecto pola diversidade."  Stella Young, comediante australiana, xornalista e activista dos dereitos da discapacidade

Gañadora do Premio María Casares ao mellor espectáculo para o público infantil e familiar no ano 2022. Hugo conta a historia dun neno que é diferente. Gústanlle moito os avións e tamén toca o piano. Laia visita a Hugo cada día. A Laia gústalle falar e gústanlle as plantas. Hugo ten TEA.

Unha peza teatral que aborda o tema do trastorno do espectro autista na infancia, chea de sensibilidade e empatía, que fala da diversidade, da convivencia e da beleza de sermos diferentes. https://escolares.afundacion.org/actividad/hugo/

Esta obra presenta valores que son chave dentro do noso Proxecto Educativo de Centro, onde a inclusión e a atención á diversidade son algunhas das bases sobre as que construímos o noso quefacer diario. 

O noso alumnado complementou esta xornada cunha visita didáctica á cidade de Ourense, identificando os principais monumentos e lugares de interese, como son As Burgas, o edificio do Concello, a Catedral e o Xardín Botánico.


11/3/24

Daniela Pirata

 “A lectura dun bo libro é un diálogo incesante, en que o libro fala, e a alma contesta”.

André Maurois, escritor francés

Daniela soña con ser pirata no Caimán Negro. Pero Orejacortada e os seus piratas non parecen moi contentos coa idea. Daniela terá que pasar difíciles probas. Pero, e se estes piratas non queren mozas no seu barco? https://www.casadellibro.com/libro-daniela-pirata/9788417123116/5869815

Lucas e Kenia preséntanos esta historia que rompe cos estereotipos de xénero e que nos serve para educar na igualdade. Transmite o valor de loitar polos nosos soños a pesar do que poidan dicir ou pensar os demais.

Valores que son sinais de identidade do noso centro e que inculcamos no noso alumnado no traballo do día a día.

Segunda visita á nosa Biblioteca Escolar de Kenia. Nós, encantad@s de recibila e agradecerlle este tempo que sempre nos dedica!!

10/3/24

A casa da mosca chosca

"Es o dono da túa vida e as túas emocións, nunca o esquezas. Para ben e para mal." O Principiño

Farta de zoar dun lugar a outro, a mosca chosca decidiu facer unha casa e convidar os animais do bosque. Fixo un pastel de amoras, colocou sete banquetas e sete pratos na mesa. E, co arredendo da torta, foron aparecendo, do máis pequerrecho ao máis grande, sete estraños personaxes. Non cabía ningún mais, e sen embargo...  https://www.casadellibro.com/libro-a-casa-da-mosca-chosca/9788484641551/828450

Un conto cheo de intriga e no que, utilizando cores “explosivas, case fluorescentes”, Sergio Mora crea unhas criaturas extravagantes, de aspecto transgresor, con moito humor e expresividade.

Un conto acumulativo que invita ao xogo fonético; unha historia para ler e contar, que medra en intensidade ao paso de cada páxina ata chegar a un final sorprendente.

Iria e Tita excolleron esta historia para que as súas compañeiras e compañeiros puideran sentir verdadeiros calafríos e pasar un rato ben divertido!!

Benvida e moitas grazas, Tita! Xa es unha PisaCharcas máis!

9/3/24

Que pegada queres deixar?

"Loita polas cousas que che importan, pero faino dunha maneira que leve a outros a unirse a ti." Ruth Bader Ginsburg, 2ªmuller xuíz da Corte Suprema dos EUA

Conmemoramos o Día Internacional da Muller neste 8M con actividades moi diversas nos distintos cursos de Educación Infantil e Primaria. Elaboración de pulseiras con slóganes referidos a esta data, recoller a prezenza das mulleres na prensa, pequenas pancartas e carteis con adxectivos relacionados co empoderamento feminino, lecturas de escritoras senlleiras na nosa lingua, investigación sobre a vida de distintas profesionais moi relevantes en ámbitos moi diversos da nosa sociedade, representacións teatrais, ... e outras moitas que tiñan como único obxectivo dar visibilidade a todas as mulleres neste día de reinvidicación en feminino.
Tamén pedimos a colaboración da nosa Comunidade Escolar para facer un diorama cos zapatos das mulleres importantes na vida do noso alumnado. Cada un deles representa o esforzo e a pegada de avoas, nais, tías, irmáns, curmáns, amigas, ... que deixan nas nenas e nos nenos do noso cole cada día e a forza representada por eses fíos morados que todas elas xuntas fan!
Fixémonos a pregunta de que pegada queresmos deixar cada unha/un de nós.... Princesa ou Loitadora... e estamos segur@s que co rol fundamental que ten a educación neste e en tantos outros ámbiitos da vida, cada día conseguiremos ese reto "dunha formación integral que permita ás nenas e nenos unha formación plena e que axude a configurar a súa identidade, así como construír unha concepción da realidade que integre á vez o coñecemento e a valoración ética e moral da mesma.
Educar en igualdade quere dicir educar sen diferenciar as mensaxes en función do sexo, e educar baixo valores coma respeto cara aos demáis."   https://igualdade.xunta.gal/gl/construindo-igualdade