23/2/15

Eu son Rosalía

No día de Rosalía, martes 24 e durante o mércores 25, tal e como vos dixemos hai uns días, imos facer na Biblioteca unha lectura continuada da súa obra, todo o alumnado e profesorado do Centro... Pero tamén está aberto á participación do resto da Comunidade Educativa. Así que se dispós dun anaquiño de tempo anímate a participar.
  


   


20/2/15

Dia Internacional da Lingua Materna

imaxe contido
http://portaldaspalabras.gal/miraquedin/paleos-e-neos
Cada 21 de febreiro celébrase en todo o mundo o Día da lingua materna, proclamado pola UNESCO en 1999, coincidindo coa data en que en 1952 a policía e mais o exército paquistaní abriron fogo contra unha multitude de falantes bengalís que se manifestaba polos seus dereitos lingüísticos, vinte anos antes da independencia de Bangladesh, na súa capital Dhaka. Defendían a súa lingua materna, a primeira, a que aprendemos desde ben pequeniños.

No noso país, en 2015, sesenta e tres anos despois, a lingua galega é a máis falada, pero segundo os últimos datos sobre o uso do noso idiomaestamos asistindo á súa substitución como lingua materna maioritaria, rompéndose a cadea de transmisión interxeracional, e provocando deste xeito a maior ameaza da historia para a súa supervivencia.

Tecnicamente pódese expresar dicindo que, a cada ano que pasa, temos menos  paleofalantes, que son as persoas que falan unha lingua desde que naceron. Pola contra, a quen se instalan nun idioma na idade adulta, chámaselles neofalantes.

Neo- e paleo- son dous prefixos de orixe grega de sobra coñecidos, porque entran na formación de multitude de palabras, sobre todo a partir do XIX. Ambos os dous eran na lingua de orixe palabras plenas, os adxectivos neóspalaiós, mais co tempo desenvolveron unha forma abreviada que logo se fixou como constituínte de palabras derivadas: o neo- é o ‘anovado’ ou ‘novo’, como en neotrobadoresco ou neófito, mentres que o paleo- é o ‘antigo’ ou ‘histórico’, tal que en paleontólogo ou paleobotánica. Cando se xuntan con falante -derivado do latín fabulare, que signficaba ‘falar’, ‘entreterse co diálogo e a conversa’- serven para etiquetar dous tipos de galegofalantes definidos pola súa lingua de partida (lingua inicial ou lingua primeira), e tamén pola súa relación co idioma que utilizan, sempre ou maioritariamente: como quedou dito, os paleos son competentes na lingua do país por adquisición desde os primeiros meses de vida, os neos acadan a competencia por aprendizaxe, xa medrados, e esta distinción ten tamén consecuencias no tipo de lingua que empregan uns e outros. Así, os especialistas din que os paleos gañan en fonética e sintaxe, mentres que os neos sobresaen por coidaren a morfoloxía e o léxico.

O novo galego será neofalante, ou non será, chegou a dicir o escritor Séchu Sende. Aínda está nas nosas mans quitarlle a razón.

19/2/15

Tod@s somos Rosalía

Con motivo da conmemoración do aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, o 24 de febreiro, celebramos o Día de Rosalía. O Equipo de dinamización da Biblioteca Escolar temos programada unha actividade para toda a comunidade educativa os vindeiros días 24 e 25: Imos facer na B.E. unha lectura continuada da obra de Rosalía. Estamos todos convidad@s!!!! 

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) promove desde 2010 a conmemoración o 24 de febreiro, aniversario do nacemento da autora, do Día de Rosalía de Castro, data na que esta entidade propón á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor. 
Nos últimos anos foron varias as accións promovidas desde a AELG que contaron con grande aceptación e impulso por parte da sociedade e, moi especialmente, polo sector educativo, tal e como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web
Neste 2015 a AELG propón celebralo baixo o lema "Eu son Rosalía" e convidamos os centros escolares, institucións, movemento asociativo, persoeiros da cultura galega e a todos os particulares que se quixeren sumar, a realizaren actividades encamiñadas a afondar na diversidade temática da obra rosaliana, de modo que cada persoa descubra con cal das múltiples sensibilidades da autora se sente máis identificada, e así poder comunicárnolo gravando en vídeo unha frase que comezaría por “Eu son Rosalía porque/cando/para…”
A idea é que os lugares nos que se filme esa breve declaración, de contido libre e persoal, sexan escenarios da vida cotiá, de ser posíbel, especialmente os ámbitos laborais, en conexión con boa parte da poesía rosaliana, vinculada ao traballo e á vida diaria. En calquera caso, serán moi benvidas todas aquelas propostas orixinais que se nos fagan chegar para difundir desde a web da AELG, que poidan experimentar coa combinación dos formatos audiovisual e musical. 
A AELG pon a disposición da cidadanía os seus medios dixitais de comunicación e difusión nas redes sociais para recompilar todas aquelas ligazóns que aloxen os contidos das actividades de celebración desta data, para amplificar así a súa visibilidade. O enderezo electrónico ao que enviar as ligazóns é oficina@aelg.orgTamén recompilaremos as ligazóns que nos comuniquedes e que recollan actividades realizadas o propio día 24 de febreiro.
Por outra banda, desde 2011 a AELG vén solicitando aos concellos que declaren o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro, e así o fixeron Allariz, Ames, Betanzos, Carballo, Carnota, Cedeira, Cee, Fisterra, Foz, A Guarda, Lalín, Lobeira, Muros, Narón, Ourense, Padrón, A Pobra do Brollón, Poio, Ponteareas, Pontedeume, Pontevedra, Porto do Son, Redondela, Rianxo, Ribeira, Riotorto, Rois, O Rosal, A Rúa de Valdeorras, San Sadurniño, Santiago de Compostela, Tui, Valdoviño, Vigo, Vilasantar e Xermade, sumándose tamén as Deputación da Coruña e Lugo. A AELG seguirá a facer chegar aos plenos unha moción neste sentido solicitándolles que recollan esta celebración nas súas programacións culturais. 
A AELG está elaborando o seu manifesto anual para esta celebración, que se lerá o domingo 22 de febreiro no acto central no Panteón de Galegos Ilustres; e para o 24 de febreiro promoverá, a través da súa base asociativa, outros en diversas cidades e vilas do país, alén de propoñer unha franxa horaria e un cancelo (#) para compartir nas redes sociais as particulares homenaxes á insigne poeta galega Rosalía de Castro, voz para todo o presente porque
“Todas somos Rosalía!”

4/2/15

Celebramos o Día da Paz



Como xa dixeramos aquí, o 30 de xaneiro celebramos o Día Escolar da Non Violencia e a Paz conmemorando cada ano a morte de Mahatma Gandhi.Como choveu, tivemos que facer o plan B. Non poidemos facer o xogo por equipos polo patio, así que fomos directamente ó pabellón por clases e os de sexto A (porque os de B e C estaban no CIFP A Farixa "eduemprende") fixemos un role playing sobre a verdadeira paz; a continuación entre tod@s cantamos TODOS SOMOS CAPITANS, tamén empregando a lingua de signos. Despois, moi animados lembramos as que cantamos outros anos nesta mesma data:  SEGUIREMOS, CORAZÓN CON CREMALLERA, CELEBRA LA VIDA... Velaquí algunhas fotos deste acto

2/2/15

Obradoiro de xogos populares

Os días 14 e 28 de xaneiro desenvolvéronse no noso colexio dúas xornadas de xogos populares dirixidas ao alumnado de 6º de Primaria.
Xa é o cuarto ano consecutivo no que se realiza esta actividade, e coma sempre a experiencia foi incrible.
Esperamos poder seguir brindando este tipo de vivencias durante os vindeiros anos, nas que se mestura a actividade física con diferentes conceptos culturais.

Provincial campo a través

O pasado domingo desenvolveuse no campo da Veronzá en Ribadavia o campionato provincial escolar de campo a través.
O CEIP Rosalía de Castro participou nesta xornada con máis de 15 alumnos e alumnas repartidos nas categorías benxamín, alevín e infantil.
Os resultados da Agrupación Deportiva Limia e do Clube Limiactiva, entidades que por primeira vez participaron xuntas nunha competición, non se poden cualificar máis que de espectaculares. A nivel de equipos os resultados foron os seguintes:
1º clasificadas en benxamíns femininos
3º clasificados en benxamíns masculinos
2º clasificados en alevíns masculinos
4º clasificadas en alevíns femininos
1º clasificados en infantil masculino
6º clasificadas en infantil feminino
1º clasificados en cadete masculino

A nivel indidual, destacar a Ángela, Helga, e Ziat, que se proclamaron campionas/campión provincial das súas categorías. Anass e Said obtiveron un segundo posto moi meritorio, e Alex e Pablo foron medalla de bronce nas súas carreiras.
Noraboa a todos e todas!!!