20/2/15

Dia Internacional da Lingua Materna

imaxe contido
http://portaldaspalabras.gal/miraquedin/paleos-e-neos
Cada 21 de febreiro celébrase en todo o mundo o Día da lingua materna, proclamado pola UNESCO en 1999, coincidindo coa data en que en 1952 a policía e mais o exército paquistaní abriron fogo contra unha multitude de falantes bengalís que se manifestaba polos seus dereitos lingüísticos, vinte anos antes da independencia de Bangladesh, na súa capital Dhaka. Defendían a súa lingua materna, a primeira, a que aprendemos desde ben pequeniños.

No noso país, en 2015, sesenta e tres anos despois, a lingua galega é a máis falada, pero segundo os últimos datos sobre o uso do noso idiomaestamos asistindo á súa substitución como lingua materna maioritaria, rompéndose a cadea de transmisión interxeracional, e provocando deste xeito a maior ameaza da historia para a súa supervivencia.

Tecnicamente pódese expresar dicindo que, a cada ano que pasa, temos menos  paleofalantes, que son as persoas que falan unha lingua desde que naceron. Pola contra, a quen se instalan nun idioma na idade adulta, chámaselles neofalantes.

Neo- e paleo- son dous prefixos de orixe grega de sobra coñecidos, porque entran na formación de multitude de palabras, sobre todo a partir do XIX. Ambos os dous eran na lingua de orixe palabras plenas, os adxectivos neóspalaiós, mais co tempo desenvolveron unha forma abreviada que logo se fixou como constituínte de palabras derivadas: o neo- é o ‘anovado’ ou ‘novo’, como en neotrobadoresco ou neófito, mentres que o paleo- é o ‘antigo’ ou ‘histórico’, tal que en paleontólogo ou paleobotánica. Cando se xuntan con falante -derivado do latín fabulare, que signficaba ‘falar’, ‘entreterse co diálogo e a conversa’- serven para etiquetar dous tipos de galegofalantes definidos pola súa lingua de partida (lingua inicial ou lingua primeira), e tamén pola súa relación co idioma que utilizan, sempre ou maioritariamente: como quedou dito, os paleos son competentes na lingua do país por adquisición desde os primeiros meses de vida, os neos acadan a competencia por aprendizaxe, xa medrados, e esta distinción ten tamén consecuencias no tipo de lingua que empregan uns e outros. Así, os especialistas din que os paleos gañan en fonética e sintaxe, mentres que os neos sobresaen por coidaren a morfoloxía e o léxico.

O novo galego será neofalante, ou non será, chegou a dicir o escritor Séchu Sende. Aínda está nas nosas mans quitarlle a razón.

No hay comentarios:

Publicar un comentario