18/9/15

Ángel Carracedo, Premio Nacional de Xenética

Pincha neste enlace se queres ler esta nova do 18 de setembro.
 Este ano, participou nas xornadas de Bibliotecas esolares en Marzo (Santiago) e foi como un agasallo especial para o peche dos encontros. Espectacular -para moitos de nós- pola súa humildade. Impactounos moi positivamente. Alegrámonos moito por esta nova !! Si que é unha sorte contar con xente así. Grazas !!!

E poñemos a continuación o texto que con motivo da celebración do Mes da Ciencia escribira  Ángel Carracedo

 Un grande empresario dicíame non hai moito tempo: “Aos científicos valorarannos aquí cando algún se faga moi rico cos seus achados”. A min non me parece que os galegos valoren pouco a ciencia e os seus científicos. Ao contrario, penso que estamos entre as profesións mellor consideradas. Temos a gran sorte de que a xente da nosa terra valora o traballo e a dedicación aos demais por riba de todo.

 Tampouco creo que ningún científico teña entre os seus obxectivos facerse rico. O seu tesouro é o coñecemento e a súa ilusión buscar o porqué das cousas. A súa gran ledicia prodúcese cando fan un descubrimento que lles dá respostas ás preguntas que se fixeron e que ninguén fora quen de albiscar. Gustaríalles traballar na súa terra, pero para iso precisan medios para investigar e un salario que lles permita vivir. Non lles importa que non sexa moito o que gañen, pero si que o proxecto, o grupo onde traballan e o ambiente sexa estimulante. 

 Cada vez concédolle máis importancia a divulgar a ciencia para poder xulgar criticamente o que nos din. E temos que procurar entre todos que estas condicións se dean aquí. O noso número de investigadores é aínda moi baixo e as condicións nas que se desenvolve o seu traballo distan moito de ser comparables coas dos países máis desenvolvidos. E é preciso cambiar esta situación. 

 A investigación é o motor do desenvolvemento e da riqueza dos pobos, e temos que procurar reter o noso talento e mesmo captar novo talento do exterior. Tamén temos, os propios científicos, que integrarnos máis na sociedade, na nosa cultura, no noso sistema produtivo, e sobre todo contar o que estamos facendo. Cos anos cada vez concédolle máis importancia a divulgar a ciencia. Facela é importante, pero tanto ou máis é contar que sabemos e tantos e tantos misterios e problemas que aínda non conseguimos chegar a entender. Saber isto é a única maneira de que a xente valore o que os científicos fan, pero sobre todo é a única maneira de comprender o mundo que nos rodea e poder xulgar criticamente o que nos din, o que é igual que ser máis libres.

 E para chegar á xente da nosa terra hai que facelo no nosa lingua. “Sentímolo noso”, escribía unha mestra dun dos institutos (o meu favorito) onde cada vez que podo voulles contar o que facemos aos alumnos. Entusiasmo e proximidade son a clave da divulgación científica, e que te sintan como eles, do seu mundo, coa nosa fala, é a garantía para que a ciencia se aprecie aínda máis e moitos dos nosos rapaces queiran dedicarse a ela. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario