5/5/16

Ensinar... Non sen a poesía



Desde Alicia no País das Marabillas ata As aventuras de Tom Sawyer obsérvase unha constante na literatura anglosaxoa dirixida ao lectorado novo. Falamos da parodia dos recitados poéticos habituais nas aulas escolares británicas ou americanas, tal como se le nos relatos emblemáticos de Lewis Carroll e Mark Twain. Mais, naturalmente, hai parodia porque había recitados. En realidade, entre nós (falamos non só de Galicia, falamos de todo o ámbito da península Ibérica) o que non había daquela era literatura para a infancia, é dicir, publicacións especialmente concibidas para seren lidas por nenos e nenas. Fóra, claro, dos libros escolares. Había poesía nas aulas? Si: unha poesía que seguramente os nenos recitaban de memoria, como Alicia e o pobre Tom Sawyer (pobre porque se queda a medias no recitado, o seu nunca foi o éxito escolar), de contidos relixioso, moralizante e patriótico. Ben parodiable, logo. Mais cando por fin o asentamento definitivo dunha literatura para a infancia, tardío entre nós (e aquí “nós” é xa en Galicia e en galego), non hai apenas trazos nin desa poesía escolar nin, consecuentemente, da súa parodia. Seica a poesía está a ser desterrada das aulas. Unha catástrofe que non se inclúe nas estatísticas dos informes PISA nin da OCDE. Pero catástrofe á fin, pensamos nós. E contra esa catástrofe perfectamente evitable se erguen os artigos deste monográfico.

Máis información: Nova Escola Galega


No hay comentarios:

Publicar un comentario