24/1/18

Ler coma quen ama, sente, soña, respira.

Ler contra a nada

In ActualizArte on 20/01/2018 at 20:12
9788417151409_L38_04_l
Polo Nadal agasalláronnos cun deses libros que son pequenos tesouros, “Leer contra la nada”, de Antonio Basanta, un ensaio publicado en Siruela. Tardamos en compartilo porque tardamos en lelo, e isto non se debe a que sexa unha lectura difícil ou pesada senón máis ben porque é coma unha onza de chocolate que hai que gorentar con tempo e cos sentidos postos.
Se tiveramos que reseñalo, teríamos que copialo integramente pois non se pode prescindir de nada del, nin resumilo en modo algún. Malia ter un formato pequeno é deses libros que parecen levedar, medra, expándese e incita a un cento de lecturas.
Antonio Basanta foi durante máis de vinte e cinco anos director xeral da Fundación Germán Sánchez Ruipérez -referente internacional do fomento da lectura-, da que agora é vicepresidente. Case toda a súa vida profesional estivo directa ou indirectamente relacionada co fomento da lectura, o que o converte nunha voz autorizada para falar sobre ela; así, ao longo de case duascentas páxinas vai debullando todo o relacionado coa acción e coa paixón lectora.
La pasión de leer. El ADN de la lectura. El cerebro lector. En el principio era el Verbo… Cuentas que son cuentos. Del lagar a la nube. Regreso al futuro. La sociedad lectora. La rebelión del lector. Palabras en el margen. Estes son os títulos dos capítulos nos que se estrutura o traballo e que xa nos dan unha idea da abordaxe que fai o autor sobre todo o que supón o acto de ler. Neles, as súas atinadas e pulidas reflexións acompáñanse de fragmentos de obras exquisitamente escolmadas, así a bibliografía leva tamén por título, Libros de compañía, unha referencia obrigada para todas aquelas persoas interesadas no fomento da lectura.
Segundo o autor ler é como esas caixas chinas que encerran no seu interior outras tantas, así vai desentrañando o ADN da lectura, o que supón a realización dunha serie de accións conxuntas:
  • Ler é deterse, observar, escoitar.
  • Ler é interpretar.
  • Ler é comprender.
  • Ler é colleitar.
  • Ler é tecer.
  • Ler é sucar.
  • Ler é elixir.
  • Ler é transformar.
  • Ler é asimilar.
  • Ler é compartir.
  • Ler é un exercicio de risco. De exclusividade. De fidelidade compartida.
Segundo afirma Basanta, ler, aínda sendo un acto comunmente sedentario, devólvenos á nosa condición de nómades.
Cara o final do libro, di que ler é unha rebelión; e aquí, nun exercicio de enxeño, coñecemento e concreción, danos máis de medio cento de razóns polas ler é un bo antídoto.
Contra o falso coñecemento.
Contra a superficialidade que afoga a profundidade das palabras.
Contra a desmemoria.
Contra a banalización da información.
Contra a instantaneidade que destrúe a secuencia do pensar.
Contra a facilidade como felicidade.
Contra a vida como simple exercicio de utilidade.
Contra a deserción da dubida.
Contra as respostas que non xeran novas preguntas.
Contra a apatía e a amnesia dunha comunidade anestesiada.
Contra o funambulismo moral.
Contra a ausencia de conviccións.
Contra o avance imparable da nada.
(…) “Ler contra a nada”, unha alfaia da que presumir en cada biblioteca daqueles entregados á causa lectora, para que saibamos transmitir que temos  que:
  • Ler coma quen ama.

  • Ler coma quen sente.

  • Ler coma quen soña.

  • Ler coma quen respira.

No hay comentarios:

Publicar un comentario